Saturday 18 de May de 2024

Trenor destaca o potencial de Galicia para acoller competicións mudiais de surf como o Campionato Junior Pro que se celebra estes días en Razo e Caión


O delegado da Xunta subliñou que con esta competición a nosa comunidade convertirase, unha vez máis, no epicentro no ámbito deportivo internacional

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na presentación do Campionato de Surf Junior Pro Razo Caión que se celebra, desde onte mércores e ata o próximo domingo, nestas dúas praias. O representante do Goberno autonómico subliñou que “con esta competición a nosa comunidade converterase, unha vez máis, no epicentro no ámbito deportivo internacional, acollendo na Costa da Morte aos mellores surfistas juniors do circuito internacional”

Trenor destacou que a Xunta de Galicia apoia o evento a través dunha axuda directa á celebración da competición e tamén coa instalación dun espazo de lecer que acolle actividades lúdicas para garantir a conciliación das familias con menores de entre 4 e 16 anos.

A apertura deste recurso enmárcase no convenio que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asinou co Club Praia de Pantín, no marco do desenvolvemento do Plan Corresponsables, por valor de case 150.000 euros, para dotar de espazos de conciliación aos nenos nos eventos que organiza.
Trátase de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos asistentes ao evento como público, das persoas participantes e do persoal traballador. En Razo quedou instalado un espazo de lecer con obradoiros e un servizo dedicado ao coidado profesional e permanecerá aberto ata o próximo domingo 24.

O delegado da Xunta incidiu en que “deporte e turismo unidos supoñen beneficios moi importantes para a economía e os eventos deportivos que se celebren na comunidade son o mellor escaparate para promocionar Galicia a nivel internacional”.

O campionato Junior Pro Razo-Caión é, xunto co Pantín Classic Galicia Pro, un dos eventos de surf máis importantes de España e de Europa. No mesmo cítanse máis dun cento de deportistas que exhiben as súas habilidades, en ambas as dúas praias de Razo en Carballo, e Caión en A Laracha.